Thursday 28 de March de 2024

A posta en valor da contorna do balneario de Carballo avanza coa reurbanización da rúa Chile


As obras da rúa Lugo tamén empezarán en breve e xa estamos traballando para completar a mazá co acondicionamento da rúa Estrela

As obras de reurbanización da rúa Chile, que executa a empresa Gestal y López cun orzamento de 77.106,49 euros, avanzan a moi bo ritmo, como puideron comprobar a alcaldesa en funcións, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, durante a visita que fixeron hoxe á zona dos Baños Vellos.

Os traballos que se levan a cabo na rúa Chile, que inclúen a renovación dos servizos e a mellora da mobilidade peonil e rodada, forman parte do programa do plan director de mellora da contorna do balneario, o único en funcionamento da provincia da Coruña.

Dentro das actuacións encamiñadas a poñer en valor ese recurso extraordinario co que conta o noso concello xa se puxeron en marcha nos últimos meses as obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos e Pontevedra. Agora estamos actuando na rúa Chile e en breve arrincarán tamén as obras na rúa Lugo, adxudicadas o mes pasado pola Xunta de Goberno Local a Excavaciones y Obras Candal por 47.446,81 euros. E tamén temos aprobada a consignación orzamentaria para a rúa Estrela, que completará toda a contorna. O investimento total nese ámbito supera os 700.000 euros.

As obras que se están realizando na contorna do balneario van moito máis alá da necesidade de instalar ou renovar os servizos urbanísticos, de mellorar a accesibilidade, de crear máis rúas verdes ou de poñer en valor un dos elementos máis emblemáticos do noso concello, porque, ademais de todo iso, tamén contribuirán a rescatar unha parte fundamental da nosa historia recuperando as trazas das antigas termas romanas. Así, un dos aspectos distintivos das actuacións en marcha é a creación dunha intervención artística, no encontro entre as rúas Ourense e Baños Vellos, para rememorar, precisamente, a historia termal do noso pobo.

Da creación da peza artística encargouse o artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777, e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación “O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Areino de Galicia”. Moi pronto poderás vela!